Awake é o terceiro álbum de estudio da banda estadounidense de metal progresivoDream Theater, publicado o 4 de outubro de 1994 a través do selo East West Records. Foi o derradeiro disco do grupo en contar co teclista Kevin Moore, que anunciou a súa decisión de deixar a banda durante a gravación do traballo.
Gran parte do material para Awake foi escrito en sesións de composición entre febreiro e abril de 1994, durante as cales Dream Theater foi coaccionado polo seu selo para producir un álbum tan exitoso como Images and Words (1992) cun sinxelo semellante a "Pull Me Under". A discográfica quería que a banda producise un disco máis orientado cara ao metal, agardando que fose máis doado de comercializar. John Purdell e Duane Baron produciron, gravaron e mesturaron o traballo. A portada do álbum, deseñada pola banda, contén numerosas referencias as letras das cancións.