Berce do pobo hausa do Sahel, a Crónica de Kano relata a súa longa e rica historia. Os achados arqueolóxicos permiten asegurar a presenza dun asentamento que traballaba o ferro no outeiro Dala da cidade dende o século VII.
No 999 comeza a cronoloxía dos reis de Kano, que axiña arrodearon a vila cunha gran muralla (case 20km na súa máxima expansión). A islamización progresiva tivo o seu cénit co goberno de Muhammad Rumfa (1463-1499) quen reformou a cidade ampliando o Pazo do Emir. No século XIX o emirato de Kano pasou a seres tributario do califato fulani de Sokoto. En 1903 Kano caeu no poder colonial británico.
Hoxe a urbe creceu ata se converter na segunda metrópole máis importante do país tras Lagos, centro comercial da súa rexión agrícola e gandeira e foco do islamismo nixeriano (fonte de periódicos estalidos de violencia relixiosa). A poboación, que o goberno central cifra en máis de dous millóns de habitantes (censo de 2006), seica podería mesmo duplicar esa cantidade.