Saltar ao contido

Lusitanos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lusitanos
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
Localización
 Situado en
Fontes e ligazóns
Freebase/m/02xdgv Editar o valor en Wikidata
BNE: XX5338455
Wikidata
Estatuas de guerreiros galaicos no Museu Nacional de Arqueologia de Lisboa.

Os lusitanos eran un dos pobos celtiberos da Península Ibérica. Durante séculos o estado portugués utilizounos como os antepasados máis antigos no novo estado.

Eran un pobo prerromano que habitaba parte do centro do actual Portugal, desde a beira esquerda do Douro até as inmediacións do Algarve. Séguese a dubidar sobre a súa celticidade ou si son un pobo nativo influído por correntes centroeuropeas.

Sociedade

[editar | editar a fonte]

A estrutura social lusitana estaba baseada nas gentilitates[1] e sobre elas existía unha elite gobernada por un princeps elixido de entre a aristocracia; semella que tiñan tanto propiedades privadas (casa, gando) como comunais (terras de pasto, murallas) e guiábanse polo espírito bélico que os levaba a organizar expedicións non de conquista pero si de botín como ritual de paso da xuventude. Podían usar da súa forza empregándose como mercenarios en exércitos estranxeiros.

O seu hábitat repartíase entre poboados fortificados (castros)[2] e granxas; o comercio levábase a cabo mediante o pago en metálico (lingotes de prata) ou o intercambio de bens con agasallos, as rutas comerciais eran axilizadas usando curraghs (barcos de coiro e vime) ou troncos baleirados.[3]

A explotación mineira levábase a cabo en escavacións superficiais de filóns mentres que os ourives e ferreiros se movían por todo o territorio traballando segundo as demandas e conseguindo un alto nivel en trebellos de luxo, como son as famosas lúnulas (como a moi famosa lúnula lusitana do Chão de Lamas) con técnicas de repuxado; tamén se traballou o ferro, sobre todo en armas (espadas de antenas, falcatas, lanzas, puñais...) que formaban parte da panoplia do guerreiro lusitano (que durante anos se confundiu cos estatuas de guerreiros galaicos bracarenses a pesar de que estas estatuas só se dan no territorio galaico e non lusitano).

A súa cultura era típica da Idade de Ferro e conservouse parte da lingua lusitana a través das inscricións de Arroyo de la Luz (Estremadura), Cabeço das Fráguas (Guarda, Portugal), Lamas de Moledo (Viseu) e Arronches (Alto Alentexo, Portugal).

Relixión lusitana

[editar | editar a fonte]

A relixión dos lusitanos era politeísta de carácter panteísta;[4] descoñécese moito sobre ela pero sábese que debía existir algo semellante aos druídas[5] (que oficiaban sacrificios humanos para adiviñar o futuro) que se atopaban nos santuarios lusitanos de Panoias, Lamas de Moledo ou San Miguel da Mota.

Os seus deuses eran comúns a outros pobos veciños (Galaicos, Vetóns):[6]

  • Caricocecus: Deus da guerra, un dos máis importantes debido a que recibe os mellores sacrificios (humanos e de cabalos e cabras)
  • Ataecina: Deusa da vida e da morte, compartía o control da saúde con Bormánico.
  • Bandagona.
  • Bormánico: Deusa da saúde.
  • Duberdicos: Deus das augas.
  • Navia: Deusa dos ríos.
  • Runesocesios: Consérvase un ritual baseado en lanzas completas de bronce relacionado con este teónimo.
  • Sucellos: Deus da abundancia.
  1. ↑ Francisco Martins Sarmento"Lusitanos, lígures e celtas"
  2. ↑ Virgílio Correia"Conímbriga: noticia do «Oppidum» e das escavações nele realizadas. Coimbra, Tipografia da Gráfica de Coimbra, 1936
  3. ↑ Joaquina Soares "Embarcacións tradicionais do Sado" 2008
  4. ↑ Juan Carlos Olivares Pedreño "Los dioses de la hispania céltica" Real Academia de Historia
  5. ↑ Estrabón "Xeografía"
  6. ↑ Rosa Brañas, "Galaicos e Romanos na Galicia céltica" ed Toxosoutos 2000