Pardal dourado
| Pardal dourado | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
|
Sinonimia
| |||||||||||||||||||
|
Conservación
| |||||||||||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||
O pardal dourado[1] (Passer luteus) é unha pequena especie de pasérido que vive na África subsahariana. É un famoso paxaro de gaiola. O Passer euchlorus e esta especie son ás veces considerados unha soa especie.
Taxonomía e sistemática
[editar | editar a fonte]
Esta especie describiuna por primeira vez Martin Lichtenstein en 1823 co nome Fringilla lutea, a partir dun espécime recollido en Dongola, Sudán. Desde entón, xeralmente foi situado no xénero Passer.[2] O nome da especie, luteus, significa cor amarela azafrán en latín.[3]
Os dous pardais de tons amarelos mencionados (luteus e euchlorus) son moi similares e a miúdo foron tratados como unha mesma especie. Ambos son similares ao P. eminibey (pero non en cor), e os tres puideron ser nalgún tempo só clinalmente diferentes. O macho do P. euchlorus é case enteiramente de cor dourada, o macho do P. eminibey é principalmente castaño, e o macho do P. luteus é intermedio.[4] O ornitólogo británico Richard Meinertzhagen mesmo considerou que o P. eminibey é conespecífico, aínda que a distribución do pardal dourado solápase nunha pequena área en Darfur coa do P. eminibey pero sen que se coñeza ningunha hibridación.[2] As tres especies son similares en comportamento, que se adapta ás impredicibles condicións dos seus hábitats áridos. En concreto, estas especies e o Passer moabiticus comparten unha mesma exhibición de cortexo na cal os machos fan tremer as ás por riba do corpo. Esta exhibición intensa é probablemente unha adaptación para nidificar nun grupo de árbores rodeados por un hábitat similar, onde esa intensa exhibición pode servir para importantes propósitos para manter a colonia unida.[5]
Os pardais dourados/amarelos (luteus/euchlorus) e o pardal castaño (eminibey) foron considerados moi primitivos dentro do xénero Passer, e soamente estarían relacionados distantemente cos pardais domésticos e os relacionados "pardais de babeiro negro paleárticos".[5] En recoñecemento disto, ás veces son situados nun xénero separado ou subxénero chamado Auripasser, ou nunha superespecie.[2] A exhibición de cortexo do P. morabiticus pensouse que evolucionara separadamente destas outras especies nun ambiente similar, nun exemplo de evolución converxente.[5]
Descrición
[editar | editar a fonte]
O pardal dourado é un pardal máis pequeno, de 12–13 cm de lonxitude, cunha envergadura de 5,7–7 cm. Os machos son distintivos pola súa cabeza e partes inferiores amarelas brillantes, ás e dorso castaños intensos, e dúas bandas alares brancas. Na estación reprodutora a plumaxe do macho é aínda máis rechamante, e o bico cambia de cor desde a cor corno á negra brillante. As femias son de cor beixe-area clara con cara amarelada, ás marróns claras, dorso con manchas castañas esvaídas, e o amarelo claro cambia gradualmente a abrancazado nas partes inferiores. Os individuos xuvenís son similares ás femias, pero máis grises.[6] Aproximadamente 10 semanas despois da eclosión, os machos novos poden empezar a adquirir un ton amarelo pola área dos ombreiros.[Cómpre referencia] A súa chamada básica é un son tipo chirp ou tchirrup, similar ao doutros pardais. Entre as variacións están unha chamada parecida a unha canción, e un rápido e rítmico che-che-che.[6][7]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]
Reprodúcese en África ao sur do Sáhara desde Senegal e cara ao leste ata Sudán e Etiopía. En abril de 2009 unha bandada de sete individuos atopouse ao noroeste de Aousserd, Marrocos. En 2013 enxergáronse dous exemplares e algúns máis en 2014.[8] É unha ave de sabanas abertas secas, semidesertos, zonas arbustivas secas e cultivos de cereais.[6][9]
Comportamento e ecoloxía
[editar | editar a fonte]O pardal dourado é unha ave moi gregaria e nómade e forma bandadas mixtas con outras aves comedoras de sementes, como os Quelea quelea, e outros pardais. Nos pousadeiros do serán, a miúdo en cidades como Khartún, poden xuntarse miles de exemplares. Come sementes e captura algúns insectos, especialmente cando ten que alimentar as crías. Prefire sementes de herbáceas, incluso sementes de cereais máis pequenas, como as dos paínzos.[6][10] En catividade aliméntano cunha mestura de paínzo e outros grans con verduras, larvas de Tenebrio molitor, e outros suplementos cos que se adoita alimentar os ploceidos.[9]
Reprodúcese en colonias moi grandes, de ata 65.000 niños. O niño é moi grande, desordenado, con cúpula construído con ramiñas e feito nas ramas das árbores, cunha cámara de nidificación forrada de plumas. Fan unha ou dúas postas ao ano, normalmente de dous a catro ovos.[10] Os ovos son brancos con manchas escuras.[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- 1 2 3 Summers-Smith 1988, pp. 46–48
- ↑ Jobling 2010, p. 233
- ↑ Summers-Smith 1988, p. 305
- 1 2 3 Summers-Smith 1988, pp. 263, 290
- 1 2 3 4 Clement, Harris & Davis 1993, pp. 465–466
- ↑ Cramp & Perrins 1994, pp. 354–355
- ↑ Metcalf, Oliver. "Rare Western Palearctic birds Sudan Golden Sparrows in Western Sahara". Birdguides. Consultado o 20 de febreiro de 2015.
- 1 2 Bechtel 1971, p. 162.
- 1 2 Summers-Smith, J. Denis (2009). "Family Passeridae (Old World Sparrows)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Christie, David. Handbook of the Birds of the World. Volume 14: Bush-shrikes to Old World Sparrows. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-96553-50-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| A Galipedia ten un portal sobre: Aves |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bechtel, Helmut (1971). Cage Bird Identifier. Traducido por K. T. Dutfield. Nova York: Sterling. ISBN 0-8069-3718-1.
- Clement, Peter; Harris, Alan; Davis, John (1993). Finches and Sparrows: an Identification Guide. Princeton, New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-03424-9.
- Cramp, S.; Perrins, C.M., eds. (1994). Handbook of the Birds of Europe, the Middle East, and North Africa: The Birds of the Western Palearctic 8. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-854679-5.
- Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- Summers-Smith, J. Denis (1988). The Sparrows. illustrated by Robert Gillmor. Calton, Staffs, England: T. & A. D. Poyser. ISBN 0-85661-048-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pardal dourado |
- Article about the Pardal dourado en catividadey Arquivado 14 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. da Finch Society of Australia
- Medios do pardal dourado na Internet Bird Collection

