Pastequeiro

As persoas con poderes para curar o mal de ollo e desfacer os meigallos coñécense, en Pontevedra como pastequeiros, aínda que cómpre recoñecer que aplican a súa capacidade para curar outras doenzas, mesmo do gando, e as casas que se supoñen sometidas a malas influencias. Leandro Carré Alvarellos asegura que salvan os endemoñados.[1] A súa arte curativa transmítese de pais a fillos, coma un oficio, aínda que poden ter discípulos e imitadores.
O nome que reciben procede do uso nos ensalmos da expresión latina Pax tecum (a paz sexa contigo), utilizada ó rematar a misa, se ben nestes ensalmos mestúranse textos litúrxicos con textos de orixe máxica. Esta exclamación deixa entrever a idea de que a persoa endiañada (ou baixo un meigallo) non pode estar en paz. Nun ensalmo portugués contra a caída da espiñela aparece tamén o termo pasteco: "Amén, Jesús, María, José,/ fica-te a espinhela en pé./ Santa Ana, Santa María,/ pasteco, aleluia".[2]
Era tradicional que realizasen os seus rituais investindo cunha estola ó enfermo e bendecíndoo cunha cruz de Caravaca. Estes rituais facíanse en lugar sagrado: na propia igrexa ou, cando menos, no adro ou no cemiterio. Parece ser que agora só se fai no fogar do curandeiro ou do enfermo. Os pastequeiros actúan calquera día da semana, con preferencia os sábados, pero rara vez en domingo.
Este tipo de menciñeiros, habitualmente homes, son específicos das parroquias de Santa Comba de Bértola (en Vilaboa) e Tomeza (parroquia de Pontevedra); neste segundo caso, actuaban onda a capela de San Cibrán.[3] Dos dous santos, Santa Comba[4] e San Cibrán,[5] conta a tradición que eran bruxos antes de arrepentirse, cambiar de vida e morrer martirizados, para ser logo declarados santos.[6] As súas esculturas, conservadas en cadansúa capela, debían estar presentes no momento do ritual e, a falta da escultura do santo, algúns pastequeiros utilizaban unha figuriña del.

Vicente Risco recolleu así o ritual empregado na curación dos enfermos.[7]
O enfermo colócase de xeonllos cara a imaxe do santo, e o pastequeiro colócalle a estola e dálle a cruz (e por veces, tamém medallas, rosarios e outros obxectos santos).
O pastequeiro, cunha cruz de Caravaca na man, reza un ensalmo mentres lle fai cruces na cabeza; por veces, tamén le fragmentos do Ciprianillo. Risco transcribe o ensalmo empregado por Garamillas de Bértola:
"Si eres de mal hechizo, libérame Dómine; si eres tocado a xente ediversa, libérame Dómine; e si eres tocado a Satanás, requiem en paz"
E, finalmente, xantan todos xuntos, agás o enfermo, do pan e o viño que debeu levar este (tres libras de pan e tres netos de viño). A parte que lle correspondería ó doente déixase no camposanto, como ofrenda ás ánimas. E durante a comida, o pastequeiro volve facer cruces na cabeza do enfermo, desta volta con pan mollado en viño, e reza o ensalmo outra vez.
Para garantir a eficacia do ritual, cando o pastequeiro sospeita que cómpre insistir na curación, o enfermo debe varrer a súa casa, durante tres días seguidos, en xaxún e cunha vasoira de xesta, Debe recoller todo o lixo varrido, metelo nun papel e ir onda un río, para botalo sobre a súa cabeza e cara atrás, e recitar: "Así como esta broza foi botada, mal e invexa da casa sexa cortada".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán-galego 1979, s. v. pastequeiro.
- ↑ V. Vaqueiro, s. v. pastequeiro.
- ↑ Vítor Vaqueiro engade que tamén os hai en Marcón, outra das parroquias de Pontevedra.
- ↑ Cuxa lenda se mestura e confunde coa de Santa Comba de Sens.
- ↑ Que tamén se confunde con San Cibrán de Cartago.
- ↑ De feito, Santa Comba está considerada como patroa das meigas (Xesús Ferro Ruibal: Dicionario dos nomes galegos, Ir Indo 1992, s. v. Comba).
- ↑ V. Risco (1962), 450-451.
- ↑ Non obstante, o Manso de Tomeza empregaba estoutra oración: "Abernuncio us pasteco con espiritu tuas e de labatorios sanates cues junto Nazareno Hijo de la Virgen María, quita o teu pauto do corpo da hechicería", que recitaba nove veces seguidas.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuba, X. R.; Reigosa, A.; Miranda, X. (2008). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9782-869-7.
- Risco, Vicente (1962). "Etnografía: cultura espritual". En Otero Pedrayo, Ramón. Historia de Galiza I. Buenos Aires: Nós. ISBN 84-7339-429-1.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9865-387-8.