A Torre Colpatria é un rañaceos que se atopa na cidade de Bogotá, na zona norte do barrio Las Nieves. A súa zona comercial constitúe unha prolongación do Centro Internacional da cidade. Cos seus 50 pisos, é o segundo edificio máis alto da cidade así como unha das súas iconas. Foi rematado en 1979 e ten unha altura de 196 m.[1] Nela atópanse as oficinas de diversas compañías, entre as cales están as empresas do Grupo Colpatria, propietario da torre. Na súa azotea hai un miradoiro para apreciar gran parte da cidade e da sabana de Bogotá. En 1998, instaláronse trinta e seis luces de xenon, que a finais de 2012 foron substituídas con luces de tecnoloxía LED.
Atópase na Carreira 7 Nº. 24 – 89, sobre unha das avenidas máis importantes de Bogotá: a Avenida Eldorado, que une o Centro co oeste e co Aeroporto Internacional El Dorado, e a Carreira Sétima, que conecta a zona cos centros financeiros do norte.
O 19 de abril de 2015, a estrutura en construción do BD Bacatá, superou en número de pisos á Torre Colpatria, e o 2 de xuño, superouna en altura.[2] A Torre Colpatria foi durante 36 anos o edificio máis alto de Colombia.[3]