Baltasar Merino
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 6 de xaneiro de 1845 Lerma |
| Morte | 3 de xuño de 1917 Vigo |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Botánica |
| Ocupación | Xesuíta, botánico e pteridólogo |
| Orde relixiosa | Compañía de Xesús |
| Obra | |
| Abreviación dun autor en botánica | Merino |
| A abreviatura S. J. da súa sinatura significa Societas Jesu (Sociedade de Xesús) [1]. | |
Baltasar Merino Román, tamén coñecido como Padre Merino, nado en Lerma (Burgos) o 6 de xaneiro de 1845 e finado en Vigo o 3 de xuño de 1917, foi un relixioso xesuíta, reputado meteorólogo,[2] botánico e pteridólogo español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Polas súas funcións como sacerdote exerceu a docencia na Habana e en Maryland[3]. En 1880 foi destinado ao Colexio Apóstol Santiago da Pasaxe (Camposancos, A Guarda). Entre outras persoas, deu clase ao matemático e astrónomo Ramón María Aller Ulloa[4].
O 2 de marzo de 1909 foi un dos membros fundadores da Sección de Santiago da Real Sociedad Española de Historia Natural, da que foi presidente, con outros importantes naturalistas galegos como Antonio Eleicegui, César Sobrado, Armando Cotarelo Valledor, Eugenio Labarta ou José Deulofeu. Foi electo presidente da Sociedad Aragonesa de Ciencias Naturales en 1914 e da Academia Internacional de Xeografía Botánica en 1915[5][6].
Relacionouse con varios científicos da súa época, como o botánico Carlos Pau Español e o naturalista Víctor López Seoane.
Meteoroloxía
[editar | editar a fonte]Foi un dos promotores da rede de estacións pluviométricas de España. Entre 1887 e 1905 dirixiu a estación meteorolóxica do Colexio, instalada en 1880.
A raíz dunha galerna que levou a vida de 120 mariñeiros de Póvoa de Varzim o 27 de febreiro de 1892, propúxose estudar a predición meteorolóxica, publicando no 1983 o Estudio sobre las borrascas en la costa occidental de Galicia, e propoñendo a raíz de dito estudo que as embarcación levasen pequenos barómetros (inventados uns corenta anos antes) para a predición das borrascas.[2]
Interese pola flora galega e os científicos de Galicia
[editar | editar a fonte]
No prólogo do volume I da súa Flora descriptiva é ilustrada de Galicia, Merino di:
Un conxunto de circunstancias fortuitamente aliadas concorreron para poñernos durante quince anos en comunicación coas provincias galegas e en contacto coa súa vexetación. (...) a nosa permanencia no Colexio da Guardia por espazo de vinte e cinco anos aumentaron grandemente as nosas relacións de amizade con pais de familia e alumnos procedentes de moi diversas comarcas deste país (...). Se, pois, algún éxito alcanzamos (...) revisando vastas e variadas extensións de territorio e internándonos en rexións que (...) probablemente non foran exploradas ata agora, débese, confesámolo con inxenua convicción, á cooperación eficaz dos nosos bondadosos amigos, a quen (...) quixéramos nalgunha maneira pagar a débeda de gratitude contraída por nós.
Á intensidade vexetativa reúne tamén o chan galaico unha diversidade de especies non menos copiosa, posuíndo case unha terceira parte das fanerógamas e fibroso-vasculares que poboan ou polo menos se coñecen en toda España. (...)
Se facilitando canto nos é posible o estudo da Flora Galaica logramos recrutar colaboradores ou espertar afeccións latentes que ó seu tempo se convertan no entretemento favorito, xa que non sexa ocupación exclusiva, de varias ou moitas persoas chegará cedo o día en que a nosa Flora se atope entre as rexionais mellor coñecidas de España.
E nas Dos palabras al lector, a xeito de prólogo do volume III:

Co presente volume poñemos término ó cumprimento do noso designio, que non foi outro que o de facer unha recensión e describir segundo a limitación dos nosos alcances a poboación vexetal máis complicada e perfecta da rexión galaica. O campo en gran parte, ben pode asegurarse, que queda segado; pero falta aínda espigalo, particularmente nos puntos máis elevados das provincias de Ourense e Lugo. Moitos deses cumes e cristas visitámolos (...) pero quen aspire a coñecer completamente a flora montañesa e subalpina que nelas se desenvolve, é preciso que as recorra con maior detención (...). Isto por desgraza, presumimos, non sucederá en longo tempo se na veciñanza das montañas non se esperta (...) a afección a estes coñecementos (...). E queira Deus que non nos leve a dianteira algún estranxeiro. Viaxabamos hai tres anos polas espesuras dos bosques de Casaio (...) e observamos á beira de varias fontes cascas de ovos e restos de comida. Preguntei ó guía que me acompañaba: que significaban aqueles restos? Hai tres días, respondeume, partiron de Casaio tres franceses (...) [que] saían de madrugada para internarse nestes montes (...) e regresaban ó pobo ó anoitecer; así pasaron preto de quince días. E (...) que viñan buscar aquí? Pois entretíñanse, contestou, en coller bolboretas e animaliños e por certo ó despedirse amosaron que quedaran satisfeitos. O propio é de recear que suceda co que resta por estudar da Flora galaica (...).
Herbario Merino
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Herbario Merino.
Merino enviou á Universidade de Santiago unha gran cantidade de material para a creación dun herbario didáctico coas liñas taxonómicas máis relevantes de Galicia.[7][8][9] Coñécese como Herbario Merino o herbario que Merino recolleu nas súas investigacións. Actualmente está diseminado por diversas institucións, conservándose a parte máis importante no Arboretum do Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán, onde se gardan máis de 10 000 pregos.[10] Outra parte importante encóntrase no Departamento de Botánica da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela constando de 2 028 pregos.[11]
Taxons e abreviatura
[editar | editar a fonte]Dúas especies aínda detentan oficialmente a denominación binomial e a descrición outorgada por Merino:
- a lamiácea (anxiosperma) Clinopodium menthifolium (1906)
- a polipodial (pteridófita) Homophyllum blechnoides (1898) = syn. Struthiopteris spicant var. spicant
Como engadido, ata 21 especies, subespecies, cruces e variedades se nomearon no seu honor ("=" significa que a imaxe corresponde ó taxon, "~" a un parataxon e ">" a un hipertaxon):
- = Arabis merinoi
Brassicaceae - ~ Armeria merinoi
Plumbaginaceae - > Cistus × merinoi
Cistaceae - ~ Dianthus laricifolius subsp. merinoi
Caryophyllaceae - = Euphorbia exigua subsp. merinoi
Euphorbiaceae - > Festuca elegans subsp. merinoi
Poaceae - = Fumaria agraria subsp. merinoi
Papaveraceae - > Laserpitium latifolium subsp. merinoi
Apiaceae - = Lavandula stoechas var. merinoi
Lamiaceae - ~ Masdevallia merinoi
Orchidaceae - = Phragmipedium × merinoi
Orchidaceae - ~ Porroglossum merinoi
Orchidaceae - > Romulea × merinoi
Iridaceae - ~ Rhutelorbus merinoi
Cicadellidae (Animalia) - = Sagina merinoi
Caryophyllaceae - ~ Saussurea merinoi
Asteraceae - = Scaphosepalum merinoi
Orchidaceae - ~ Scilla merinoi
Asparagaceae - ~ Sciodaphyllum merinoi
Araliaceae - ~ Taraxacum merinoi
Asteraceae
A abreviatura Merino emprégase para indicar a Baltasar Merino como autoridade na descrición e clasificación científica dos vexetais.
Publicacións
[editar | editar a fonte]- Resumen de las observaciones meteorológicas en el colegio de La Guardia (1881-1890). Cuaderno Primero. Madrid, Imprenta de Rafael Marco y Viñas, 1891, 75 pxs.
- Observatorio meteorológico del Colegio de la Compañía de Jesús en La Guardia. Cuaderno Tercero. Tui, Tipografía Gallega, 1894, 133 páx.
- Observatorio meteorológico del Colegio de la Compañía de Jesús en La Guardia. Cuaderno Cuarto. Tui, Tipografía Regional, 1897, 355 páx.
- Estudio sobre las borrascas en la costa occidental de Galicia. Tipografía Gallega. Tui, 1893, 65 pxs.
- Algunas plantas raras que crecen espontáneamente en las cercanías de La Guardia (Pontevedra). Ed. Tuy. 34 pxs., 1895.
- Contribución á la flora de Galicia. La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca del Miño. Ed. Tuy. 1897, un tomo e catro suplementos posteriores nos anos 1898, 1899, 1901 e 1904.
- Viajes de herborización por Galicia. Revista Razón y Fé, publicación mensual redactada polos Padres da Compañía de Xesús. Tres artigos: Ano 1, tomo 1, setembro-decembro 1901; setembro 1902; marzo 1903. Reeditada en formato facsímile en 1987 por Ediciós do Castro.
- Flora descriptiva é ilustrada de Galicia, editada entre 1905 e 1909, en tres tomos. Tipografía Galaica. Santiago[12]. Reeditada en formato facsímile por La Voz de Galicia en 1980.
- Adiciones a la flora de Galicia, editada en 1917.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Enciclopedia Católica (ed.). "Abreviaciones Eclesiásticas" (en (en castelán)). Arquivado dende o orixinal (html) o 29 de maio de 2010. Consultado o 27 de marzo de 2011.
S.J. -- Societas Jesu (Sociedad de Jesús, es decir: Los Jesuitas)
- 1 2 García, Victoria (2026-02-16). "Baltasar Merino, o pioneiro da meteoroloxía galega que estudou as borrascas para evitar naufraxios". GCiencia. Consultado o 2026-02-17.
- ↑ Revuelta González, Manuel. "3". En Universidad Pontificia Comillas. Los colegios de jesuitas y su tradición educativa (1868-1906). p. 85. ISBN 84-89708-34-7.
El P. Baltasar Merino n. Lerma (Burgos) 6-1-1845, i. 22-4-1860, + Vigo 3-6-1917. Ilustre botánico, autor de Flora de Galicia. Había sido profesor en Cuba, Puerto Rico y Sevilla, hasta que en 1880 fue destinado a La Guardia, donde explicó inglés a los universitarios y fue prefecto del seminario de pobres, pero sobre todo profesor de Ciencias de los colegiales (Física, Química, Agricultura, Historia Natural).
(en castelán) - ↑ Club de Astronomía Apóstol Santiago (ed.). "Ramón María Aller Ulloa" (en castelán). Arquivado dende o orixinal (html) o 26 de setembro de 2013. Consultado o 16 de agosto de 2010.
- ↑ Sociedad Aragonesa de Ciencias Naturales (ed.). "Boletín de la Sociedad Aragonesa de Ciencias Naturales" (en castelán). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 10 de agosto de 2010.
R.P.Baltasar Merino, S. J. Presidente de la Sociedad Aragonesa de Ciencias Naturales para 1914
- ↑ Morán Cabanas, María Isabel. Ediciones Universidad de Salamanca, ed. "Divulgaçao da cultura espanhola em Portugal a través da revista Brotéria: algumas constantes" (pdf). Aula Ibérica (en portugués). Consultado o 11 de agosto de 2010..
- ↑ Gallaecia Fvlget: (1495-1995) : cinco séculos de historia universitaria
- ↑ "Personajes de Lerma. Ayuntamiento de Lerma". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2011. Consultado o 26 de marzo de 2011.
- ↑ El patrimonio histórico de la Universidad de Santiago de Compostela
- ↑ Silva Pando, Francisco Javier. Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos, ed. "SOBRE EL ESTADO ACTUAL DEL HERBARIO MERINO" (PDF). Boletín de la Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos, ISSN 1136-5048, Nº. 1, 1996 , pxs. 4-5 (en castelán). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 25 de xullo de 2011. Consultado o 30 de xullo de 2010.
- ↑ Fraga, Xose Antón. Universidade de Santiago de Compostela, ed. "O herbario de Baltasar Merino". Gallaecia Fvlget: (1495-1995) : cinco séculos de historia universitaria. Consultado o 30 de xullo de 2010.
- ↑ Tomo I. FANERÓGAMAS. Polipétalas. (1905); Tomo II. FANERÓGAMAS. Monopétalas. Estamíneas (1906); Tomo III. FANERÓGAMAS. Monocotiledones. Policiotiledones. GRIPTÓGAMAS VASCULARES (Suplemento) (1909).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baltasar Merino |
| Wikispecies posúe unha páxina sobre: Baltasar Merino |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Rivera Vázquez, Evaristo; Agustín Ferreira Lorenzo. (1994). Asociación Naturalista "Baixo Miño", ed. Baltasar Merino S.J., un grande naturalista no Baixo Miño. Volume 5 das Monografías da Asociación Naturalista "Baixo Miño" editado con ocasión do 150 aniversario do seu nacemento. A Guarda.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Baltasar Merino no IPNI (en inglés)
- Flora descriptiva é ilustrada de Galicia, dixitalización dos tres volumes do libro na Biblioteca Dixital do Real Xardín Botánico de Madrid e outras das súas obras (en castelán)
- Algo sobre las relaciones de Pau con el P. Merino, S. J. (en castelán)
- "Biografía sobre Baltasar Merino, con motivo da súa morte". Brotéria. Série Botânica (en francés) XV. 1917.
- Imaxes do Herbario de Baltasar Merino no Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago de Compostela