Finlandia Propia (en finés:Varsinais-Suomi; en sueco:Egentliga Finland) é unha das 19 rexións de Finlandia. Está situada ao oeste do país, na provincia histórica de Finlandia Propia e na actual provincia de Finlandia Occidental. A súa capital é Turku, sendo tamén a cidade máis poboada da rexión, residindo na súa aglomeración e arredores dous terzos da poboación total da rexión.
A rexión está situada na unión do Golfo de Finlandia e o Golfo de Botnia. O interior da rexión, unha meseta pouco elevada (100 m de altitude) onde nacen varios ríos de mediana importancia (sendo os máis importantes o Paimionjoki e o Aurajoki) que descenden cara ao mar en dirección nordeste suroeste, está pouco poboado. Os outeiros son pouco elevados (máximo de 159 m en Somero) mais o relevo é, porén, aparente, contrastando coas zonas máis chas de Ostrobotnia ou Satakunta. A zona costeira e os vales principais están moi poboados, estando nestas zonas as principais cidades, Salo, Paimio, Uusikaupunki e a capital, Turku. A zona suroeste está formada polo Arquipélago finlandés, ofrecendo a vista dunha das costas máis recortadas do mundo, con milleiros de illas, globalmente pouco poboadas, excepto no verán, debido ao gran número de residencias secundarias construídas no arquipélago.
Mapa da rexión. As subrexións aparecen coas seguintes cores: o verde é Vakka-Suomea, o azul é Turku, o amarelo é Loimaa, o vermello é Salo, e o laranxa é Turunmaa - Åboland. Os concellos escuros son cidades.Vista da cidade de Turku, a capital da rexión e a cidade máis grande.Vista da illa de Utö, integrada dentro da municipalidade de Parainen.
A rexión de Finlandia Propia consta de 27 concellos, do cal 11 son considerados cidades.